A biblioteca de Árbore

Árbore é máis ca unha tenda. Pretende ser tamén un espazo de encontro, non só das persoas socias, senón tamén da veciñanza. Un lugar no que hai máis ca simples intercambios de produtos/servizos por diñeiro. Por iso comprácenos moito anunciar que xa está operativa a nosa biblioteca.

Nestes momentos contamos con máis de 800 obras doadas e xa están dispoñibles para que as poidades coller prestadas. Nesta entrada do blog queremos explicarvos como consultar o catálogo e como facer para usar este novo servizo gratuíto.

O catálogo

Se queredes comprobar se temos un libro ou sinxelamente ver se atopades algunha obra que chame a vosa atención, consultade o noso catálogo nesta ligazón. Podedes facer buscas por título e autoría para filtrar os resultados, mais tamén tedes o catálogo completo na segunda lapela. 

Ir ao catálogo

Sodes benvidas no noso local social para botar unha ollada. Con todo, tede presente que esta non é a actividade principal de Árbore e que as persoas que están atendendo na tenda non se encargan da biblioteca, polo que non vos van poder asesorar nin van xestionar os empréstitos de libros. Para asegurarvos de que ides poder levar as obras que vos interesan no momento en que pasedes por Árbore, recomendamos escribir con 24 horas de antelación (días laborables) a info@arbore.gal.

Cómo funciona?

Podedes coller libros prestados tanto se sodes socias coma se non, pero as condicións son distintas:

Socias

  • Gratis
  • Até 3 libros ao mesmo tempo
  • Durante 3 semanas (prorrogables se non hai ninguén en lista de espera)
  • Recargo de 0,50 céntimos/día se non se devolven en prazo

Non-socias

  • Gratis, pero cun depósito de 20,00 € (por se non devolves os libros)
  • Até 2 libros ao mesmo tempo
  • Durante 3 semanas (prorrogables se non hai ninguén en lista de espera)
  • Recargo de 0,50 céntimos/día se non se devolven en prazo

Confiamos en que gocedes deste novo servizo. Ah, e se tedes algún libro que queirades doar, non deixedes de dicírnolo. Temos un espazo bastante limitado, pero faremos o posible por aceptalo e ampliar o número de obras dispoñibles.


Temos algunhas novidades