Quen somos
Árbore é unha cooperativa galega de consumo e de economía social
Cooperativa de economía social
Consumo Consciente Árbore, Soc. Coop. Galega naceu en 2001 como unha cooperativa de economía social en Galicia, cunha misión clara: facilitar un consumo consciente de alimentos ecolóxicos e de comercio xusto, e promover un consumo responsable coas consecuencias económicas, ecolóxicas e sociais das nosas formas de alimentación.
A nosa cooperativa ofrece a persoas socias e non-socias unha selección de produtos frescos e locais. En Árbore vendemos produtos ecolóxicos, veganos e vexetarianos, facémolo sempre tendo en conta todas as partes implicadas e traballamos con multitude de produtos de orixe ecolóxica. Na nosa tenda de Vigo poderás atopar dende produtos de alimentación até cosméticos, pasando por artigos de hixiene, suplementos nutricionais etc.
Ecoloxismo
Unha forma de practicar o ecoloxismo é mediante a compra de produtos a granel. Ademais de abaratar custos, podes prescindir do uso de envases innecesarios e mercar só o que precisas. Por outra banda, en Árbore procuramos ofrecer envases ecolóxicos e biodegradables. Deste xeito tratamos de asegurarnos de que o noso planeta non sufra as consecuencias dos nosos intercambios comerciais.
Comercio xusto
Coa nosa actividade económica procuramos coidar as relacións con todas as nosas provedoras; as máis próximas e tamén as que quedan máis lonxe, normalmente en países do Sur Global.
Buscamos manter o delicado equilibrio entre uns prezos o máis accesibles posibles para as nosas socias e clientas, e unhas condicións laborais e prezos dignos para todas as persoas que participan na produción dos bens que ofrecemos na tenda.
Economía solidaria
Cremos nunha forma diferente de economía, na que as empresas se xestionan democraticamente, antepoñen os dereitos das persoas e buscan o impacto social positivo e o coidado do medio.
Por todo isto, somos socias de REAS (Rede de Economía Alternativa e Solidaria) e compartimos e nos rexemos pola súa Carta de Principios.
Consumo responsable
No corazón da nosa cooperativa está o compromiso co consumo consciente. Proporcionamos acceso a alimentos ecolóxicos, saudables e respectuosos co medio.
Facémolo de forma transparente, para que ti, socia/clienta, poidas tomar decisións informadas e para que entre todas poidamos consumir de forma responsable coas persoas (tamén as xeracións futuras) e co planeta.
Como nos organizamos?
Asemblea
A Asemblea de Persoas Socias é o máximo órgano de decisión da cooperativa. A ela corresponde deliberar sobre a política xeral da entidade e tomar decisións de especial relevancia.
Consello Reitor
O Consello Reitor é o órgano de goberno, xestión e representación da sociedade cooperativa. É o organismo encargado de levar á práctica o decidido na Asemblea Xeral e estar en contacto permanente coas socias traballadoras para axilizar a xestión cotiá da tenda.
Socias consumidoras
As socias consumidoras son a columna vertebral da cooperativa. As súas eleccións informadas guían a selección de produtos ecolóxicos e provedoras responsables. A súa participación activa fomenta unha comunidade comprometida coa sustentabilidade.
Socias traballadoras
O día a día da tenda é xestionado polas socias traballadoras, que se encargan de atender a clientela, tratar coas provedoras, manter a tenda e xestionar temas administrativos, en comunicación directa co Consello Reitor.
As nosas Redes
A intercooperación é un dos trazos característicos das entidades que participamos na economía social e solidaria (ESS). Por iso, en Árbore participamos en diversas entidades, asociacións ou cooperativas de consumo que comparten os nosos principios e buscan desenvolver un mercado social alternativo ao sistema preponderante.
Rede de Supermercados cooperativos
Unha asociación estatal que agrupa os supermercados cooperativos co obxectivo de unir forzas para impulsar o noso modelo de distribución e consumo alimentario xusto, sustentable e democrático.
A Gavela
Trátase dun grupo de produtoras, consumidoras e pequenos comercios que definimos conxuntamente criterios de produción e distribución, e facemos seguimento do seu cumprimento.
REAS Galicia
Na Rede de Economía Alternativa e Solidaria participamos empresas solidarias que fomentamos o respecto polas persoas e o medio ambiente en todos os ámbitos (produción, comercialización, construción, servizos…). Rexémonos por seis principipios básicos: a equidade, o traballo digno, a sustentabilidade ecolóxica, a cooperación, a repartición xusta da riqueza e o compromiso coa contorna.
EspazoCoop
É unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores.
Coop57 Galicia
Coop57 é unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios que ten como obxectivo principal contribuír para a transformación social positiva da nosa economía e da nosa sociedade. A súa función principal é o financiamento de proxectos de economía social e solidaria mediante a intermediación financeira.
Fiare Banca Etica
Un banco ético e cooperativo co obxectivo de recuperar o valor social do diñeiro. Co aforro das persoas e organizacións que comparten estes principios financia proxectos vinculados á inserción social e laboral de persoas, a agroecoloxía, a eficiencia enerxética, a educación e a cultura, e o comercio xusto, entre outros.
Nosa Enerxía
É unha cooperativa de persoas consumidoras sen ánimo de lucro que comercializa enerxía de orixe renovable, proporcionando un servizo de calidade a un prezo xusto.
Somos Conexión
Non é unha operadora de telefonía máis. É un proxecto colectivo creado despois de facer moitas preguntas e de ver que construír alternativas reais no campo das telecomunicacións era posible.