Temos algunhas novidades

Xa pasastes pola tenda? Seguro notastes algunhas melloras. Aquí describímolas en detalle, para que poidades comprender o porqué destes cambios.

No marco da subvención que recibimos do programa Bono Consolida Economía Social 2023, aproveitamos para traballar en tres eidos principais: a tenda, a web e as redes sociais.  Deseguido imos ver polo miúdo o alcance deste esforzo.



Cambios no local

Quizais os cambios máis evidentes son os que se poden ver dende fóra da tenda: renovamos o toldo, mudamos os vinilos dos escaparates e pintamos a carpintaría de aluminio e a estrutura que hai sobre a porta de entrada. Porén, non é o único que cambiamos no espazo que adoitades ver as socias e clientas cada vez que entrades no local. Tamén aproveitamos para renovar algúns dos lineais dos produtos e mercamos novos dispensadores para o granel e unha nova báscula. Son moitos elementos nos que nos axudaron distintas entidades e profesionais, como Carpintería Pé de ReiGarpe Impresión ou Enxebre Decoración.

Outras melloras ímolas notar sobre todo as traballadoras: dedicamos parte dos fondos conseguidos a mellorar o hardware e o software que utilizamos cada día para que a tenda funcione como debe.

Cambios na imaxe de marca e a web

Neste eido, os cambios feitos afectan directamente a todo o que acabamos de ver, xa que renovamos totalmente a nosa imaxe de marca. Para esta transformación tan profunda contamos coa axuda de Rebeca Fraile (Arteconsentida), que conseguiu trasladar os máis de vinte anos de experiencia que xa ten o proxecto e combinalos coa esperanza de que siga aquí moitos anos máis.

Os novos materiais gráficos foron incorporados obviamente á tenda, pero tamén se notan moito nas principais ferramentas de comunicación de que dispoñemos: a nosa web e os nosos perfís nas distintas redes sociais. 

A respecto do sitio web, xa está totalmente operativo arbore.gal (a web arbore.org vai deixar de estar dispoñible) e será neste novo espazo virtual onde iremos recollendo todas as novidades do noso proxecto. O primeiro cambio máis evidente é visual, como diciamos, pero, aos poucos, iremos renovando contidos. Para comezar, creamos unha sección específica na que atopar toda a información sobre os produtos frescos locais que recibimos cada semana. E si, non fomos moi orixinais co nome: chámase Esta semana e podedes acceder a ela directamente dende o menú principal. Por outra banda, agora tamén podedes atopar na web as fichas cos Produtos de tempada. E ademais, démoslle unha volta á sección Socias, para que, se aínda non o es, saibas que significa participar no noso proxecto e como podes dar o paso.









Cambios nas redes sociais

Por último, tamén temos novidades na fronte das redes sociais. Até o de agora só tiñamos unha canle de Instagram que non utilizabamos moito e decidimos revivila para que nos sirva para comunicarnos convosco (produtoras, colaboradoras, clientas ou socias). Ademais, creamos tamén un perfil en Facebook. Para xestionalas e mellorar a nosa comunicación, contamos coa importante axuda de Kracia. E, por suposto, imos seguir usando as dúas canles que temos en Telegram: a de Cesta fresca, na que publicamos información sobre novidades en produtos e ofertas, e Árbore, máis informativa sobre a propia cooperativa ou sobre información de interese que nos fan chegar.

 Agardamos que vos gusten estes cambios tanto coma a nós! Vide facernos unha visita e así falámolo en persoa. Nós seguiremos preparando novas cousiñas e veremos de retomar obradoiros e actividades no futuro.

A biblioteca de Árbore