Concurso de Deseño: Árbore, 25 anos cooperando para un consumo responsable

Este ano Árbore cumpre 25 anos desde o seu nacemento como cooperativa. Entre as actividades de celebración queremos lanzar este Concurso de Carteis do 25º Aniversario de Árbore. O obxectivo é promover a creatividade artística e reflexionar, a través da expresión visual, sobre temas tan actuais como o consumo responsable, a sustentabilidade, a cooperación e a participación comunitaria.


Consideramos que esta proposta constitúe unha forma próxima, participativa e inspiradora de promover os valores da economía social e do consumo consciente, tanto entre a nosa base social como entre a mocidade.


Establécense dúas categorías: unha aberta a persoas socias e non socias da cooperativa e outra enfocada aos centros educativos da cidade. O cartel deberá incluír de forma visible a lenda "Árbore, 25 anos cooperando para un consumo responsable". Os carteis escollidos formarán parte da imaxe da campaña do noso 25 aniversario, podendo ser usados pola cooperativa en diferentes soportes. 


O cartel ten que contar coas seguintes características técnicas: 

  • Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.
  • As obras deberán ser orixinais, inéditas e non premiadas noutros concursos.
  • A técnica será libre (ilustración, pintura, fotografía, deseño gráfico, técnica mixta, etc.).
  • O formato será preferentemente A3 en vertical.
  • Os traballos poderán presentarse en soporte físico ou dixital (PDF, JPG ou PNG en alta resolución).

O prazo de presentación remata o 16 de outubro. As obras poderán remitirse por correo electrónico (info@arbore.gal) ou directamente na tenda. 

Xunto co cartel achegaranse os seguintes datos:

  • Nome e apelidos.
  • Idade (no caso do alumnado).
  • Centro educativo e curso (se procede).
  • Teléfono e correo electrónico de contacto.

En ambas as dúas categorías o premio será unha cesta de produtos valorada en 70 euros. 


Agardamos a vosa participación e criatividade!


Podes consultar as bases íntegras a continuación: 


Arqueixal: cando coidar a terra tamén é unha forma de alimentarnos